sexta-feira, 20 de dezembro de 2013

Os nosos parabéns para os IESpazombies polos éxitos conseguidos polo mundo fóra. Son como un andazo que se extende por onde quer que... que digo? Pero se os iespazombies son os outros...
O profe de vudú xamaicano

segunda-feira, 9 de dezembro de 2013

PAZombis da Mercé

Se a marquesa levantase a cabeza...

Eis a curtametraxe que se fixo trending no Pazo da Mercé estes días. Participan nela algúns membros do equiPAZO que, todo hai que dicilo, mesmo sacrificaron as súas vidas

terça-feira, 3 de dezembro de 2013

Correlingua



Xa está escollido o lema do Correlingua do próximo ano:
"Galego, o paso adiante"
Vai haber concursos de Banda Deseñada (apenas para Primaria), Manifesto e Vídeo. Pódense ver as bases (instrucións) nas seguintes ligazóns:
 
Concurso de elaboración do Manifesto
Concurso de vídeo



A inscrición para o do manifesto é até o 1 de febreiro.
Os vídeos vanse poder enviar até o 15 de marzo, non poden pasar de tres (3) minutos. Animámosvos a que participedes!






quarta-feira, 27 de novembro de 2013

Dia contra a violencia de xénero


Co motivo da celebración do DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO presentouse un vídeo feito por uns membros do noso alumnado de 1º de ESO e publicado en Youtube. Dámoslle os nosos parabéns.

Biblioteca Rosalía de Castro : Tod@s contra a violencia contra as mulleres
"Carta a un maltratador" dos alumnos Víctor e Adrián de 1º ESO-B.   


Para a posteridade


Eis algúns dos participantes no magosto que fixemos no día 15, por non o poder facer pola chuvia no 8 de novembro. En canto comían as castañas e se enfurruxaban as bochechas coa borralla, recuperaban os folgos e as enerxías perdidas durante a durísima cucaña. Como vedes, houbo gaiteiros e bastante participación.

terça-feira, 19 de novembro de 2013


Temos o inmenso pracer de convidar a todo o alumnado á cerimonia da solemne entrega de
Premios de Fotografía
de setembro e de outubro
que vai ter lugar na Biblioteca na sexta feira(venres) 22 de novembro de 2013.

bvbvbvbvb
vbvbvbvbv
Lembramos que para os premios de novembro e decembro vai haber unha nova convocatoria en bibliopazo.blogspot.com e en
dinamizaiespazodamerce.blogspot.com

terça-feira, 12 de novembro de 2013

MAGOSTO no dia 15

Por fin vai haber magosto ou castañada no instituto nesta sexta feira [venres] dia 15. Un bocadiño tarde, pero deu en chover e suspendeuse. Ainda ben que non hai muito que non acabe nen pouco que non chegue.
 
 Esperamos os sacos de bullo/fasco/candea/foupa (pinocha, frouma bruma, faísca, fisco, musgo, penica, pica, picaña, picaza, pico, pinica, pubela, pucha, pulazo, puma...) para asar e para acabar coa cara enfarruscada/enfurruxada/emborrallada

segunda-feira, 28 de outubro de 2013

NOVEMBRO

Non ides ter descanso: Outro novo concurso... Cada mes ides poder participar nun concurso de fotografia, cada mes, por se a inspiración tarda a vir. Podedes consultar as bases aqui, tamén aqui ou aqui mesmo.
Podedes facer tantas fotos como queirades, pero presentar, o que é presentar, só cinco (5!!!) por mes. Serve igual cámara que móbil, pero para participar hai que traer as fotos nun pendrive ou envialas como arquivo adxunto polo correo electrónico a:
EDGL (equiPAZO) dinamiza.iespazodamerce@gmail.com
ou á Biblioteca bibliopazo.iespazodamerce@gmail.com
Ánimo!!!!

quarta-feira, 23 de outubro de 2013

O Celta gusta do galego, unha lingua de primeira!



Para os siareiros e simpatizantes do EquiPazo, 
para que vexades que nin sempre se xoga apenas cos pés



Sorte e a gañar!!!

terça-feira, 22 de outubro de 2013

Alba, Henar e a súa historia co Galego



Aí vos presentamos a Alba e a Henar, ben... preséntanse elas sociñas, que saben falar bastante ben.
Espero que gustedes

quinta-feira, 17 de outubro de 2013

O galego no Luar

Un vídeo para que desfrutedes. Non, non é un estudo sobre o uso do galego na lúa nin no programa insignia da RTVG, non, pero mostra algunhas cousas que cadran. Podédelo ver se clicades na seguinte ligazón:          # O galego no Luar #


quarta-feira, 16 de outubro de 2013

Terrorífico concurso

En poucos días temos aquí xa o Halloween, as festas dos Santos e dos Defuntos, o Samhain dos celtas, datas en que nos lembramos dos falecidos e, para que non nos aparezan pola porta para nos levar ao máis alá ao arrastro, prendemos candeas dentro de cocos polos camiños e comemos castañas e cogumelos.
Como sabemos que tendes o medo no corpo, para o escorrentar quixemos organizar un concurso: O MEDO NO CORPO. 
Non vos pode tremer a man, pero os microrrelatos han ser breves (a cara A dun folio) e son para xa, para o 30 de Outubro. Entregádeos ben na Biblioteca ou ao Coordenador do EDL ou ben na conserxería do centro.
Non olvidedes co susto pór o nome e o grupo, para entrar en calquer das dúas categorías. Sen medo.

segunda-feira, 14 de outubro de 2013

Seráns en Barcela e en Sela

Aos que gustedes da música tradicional, hai xa dous seráns proximamente: 

1. no sábado dia 26 de outubro en Barcela (Arbo).
A partir das 10 da mañá, recolla de comida acompañados de gaiteiros.
Desde as 5 da tarde, Grande Magosto e Xogos Populares (O ovo e a culler, corridas de sacos, as cadeiras, o pano, pións, boliñas, tira-corda...).
Ás 21:00 h. comezo do serán con música, comida, rifas e queimada.

2. no sábado 9 de novembro en Sela (Arbo), a segunda Noite de pote e esfollatada, a este hai que acudir vestidos como os bisavós cando mozos: con tamancas, boinas, panos da cabeza, saias compridas, coletes... e vontades de beillar solto ou agarrado...


Se nesta altura houber alguén que non saiba que é o que é un serán, que pinche nesta ligazón

quinta-feira, 10 de outubro de 2013

Ciencia que conta

Máis de ciencia... 
xa están prontas as bases para o sexto concurso de relatos curtos CIENCIA QUE CONTA, podédelas ver ou descarregar aqui mesmiño. 
Háichevos catro categorías; unha é para ESO, outra para Bacharelato e Ciclos Formativos, outra para o público en xeral (pais, nais, avós, tíos, profes...) e máis outra para Primaria. O prazo termina no 16 de novembro, ánimo!!


A extensión dos relatos non pode pasar de 1000 (mil!!) palabras (uns tres folios) e hai que encher unha ficha en liña para poder participar (pódese ver nesta ligazón). O tema ten de estar relacionado con aspectos concretos da ciencia e a partir daí narrar unha historia... Podedes ver como o fixeron gañadores doutros anos (algúns do noso centro!!!) se clicades aqui.
Que a ciencia vos acompañe!

Dia da Ciencia en Galego

Xa queda menos, nenos, menos dun mes... para o 4º Día da Ciencia en Galego... porque xa saberedes nesta altura que tamén se pode facer ciencia en galego, e en inglés, en xaponés, en español, en suahili... déixovos un vídeo para que practiquedes o himno do día... esperan a vosa participación
         Mais noticias en http://www.cienciaengalego.org

Chamar as cousas polo nome

Ás veces non queda máis remedio... a calquera lle pode pasar... alguén se pasou da raia ou nos fixo algo que non nos debía facer, por un dicir: pecharnos a porta contra o nariz ou trillarnos os dedos (que dor!)
  ao tempo que un caldeiro con agua fría fría se derrama sobre a nosa cabeza... quen sabe... e pódense perder os nervos, claro... entón... entón... non se topan palabras.
O que facer? Sinxelo, premer mesmo aqui e escoller entre o amplo mostruario que se exhibe o insulto que máis se axeite á situación padecida e ao interlocutor. Iso si, hai que escoller o máis adecuado. Por chamar as cousas polo nome.

quinta-feira, 3 de outubro de 2013

terça-feira, 1 de outubro de 2013

Boasvindas 2013-2014

Despois do longo e cálido verán chegou setembro coas súas cores... e coa vendima!!! Comezamos de novo as aulas ainda co moreno da praia -ou da veiga algúns- e con moita ilusión por voltar ver os amigos e as amigas dos que había meses que non sabíamos nada.
E que tal para comezarmos un concursiño para abrir boca? Se tendes cámara ou un móbil ou smartphone que tire fotos (claro) podedes participar. Tema? Adiviñade: setembro... uva... parra... podicho... ? Claro, se xa o suxeríamos sutilmente máis acima: A VENDIMA.



Se facedes clic aquí ides poder ver as bases do Concurso de fotografia, lede con atención as instrucións e ADIANTE!!



Esperamos as vosas contribucións.


Podedes traer as fotos nun pendrive ou envialas ao noso correo:

                             EDL (dinamiza.iespazodamerce@gmail.com)
ou ao da Biblioteca (bibliopazo.iespazodamerce@gmail.com)

E que saibades que cada mes vai haber concurso de fotografía con diferentes temas segundo a época do ano. Xa o veredes

sábado, 22 de junho de 2013

Fin de curso...


Acabaron as clases, e o euiPAZO quere agradecer o traballo a prol do galego de toda a comunidade escolar, especialmente o d@s alumn@s. Sen vós non serían posibles tantas actividades, nin tantos soños se farían realidade, e este blog que comezamos durante este curso estaría baleiro. Agora tedes todo o verán por diante para revisar eses bos momentos, os videos, as vosas escollas... pero tamén para pensar en novas actividades para o próximo curso.
Hai
alumn@s colaborador@s que se van do centro, pero nunca se irán de todo...
Boas vacacións a tod@s e lembrade que "en galego tamén se cumpren os soños".
 
 

quinta-feira, 13 de junho de 2013

Lembranzas...

O adeus  a Pico...

Nacido en Esteiro, Muros, en 1955, Xosé Manuel Olveira incorporase ao mundo do teatro en 1972, participando en diversas compañías que lle proporcionaron un lugar estelar no teatro profesional, desde a inicial amadora Ditea até ser un nome de referencia nas obras do Centro Dramático Galego, producións que lle valeron diversos premios, entre eles, varios María Casares e Mestre Mateo.

A imaxe de Olveira está apegada nos seus inicios aos comezos do cinema en galego, ás producións de Chano Piñeiro nas que a súa interpretación comezou a abrirlle portas no mundo do audiovisual, no que se convertiría no nome máis recoñecido, tanto polos filmes que protagonizou como polas series televisivas nas que participou.

"Era o verdadeiro estandarte do teatro galego"

Arredor de medio cento de filmes teñen Pico entre o seu reparto, desde as iniciais con Chano Piñeiro até "Fuxidos", de Sancho Gracia; "El rey del río", de Gutiérrez Aragón; "Blanca Madison", de Carlos Amil; " A lingua das bolboretas", de José Luis Cuerda; "Cuando vuelvas a mi lado", de Gracia Querejeta; "La noche que dejó de llover", de Alfonso Zarauza; "Celda 211", de Daniel Monzón; "18 comidas", de Jorge Coira; ou "Doentes", de Gustavo Balza.

Mais foi nas series televisivas nas que Xosé Manuel Olveira se fixo popular, converténdose nunha das imaxes máis recoñecidas do audiovisual. Inesquecíbeis son as súas participacións en series como "Pratos combinados" ou "Padre Casares", que contou co aplauso da audiencia ou "Air Galicia" mais tamén coa presenza en series da televisión española como "Cuéntame". 
Olveira foi presidente da Asociación Galega do Audiovisual e un dos referentes máis respectados entre a profesión, con solidez profesional e persoal na defensa do teatro e o audiovisual galego
 
Un adeus precisamente no ano en que se adican as Letras Galegas a Roberto Vidal Bolaño, o autor de textos que Pico interpretou no teatro e tamén no cine. Aquí podedes ver a película "Doentes".
 
 


E tamén SINBAD


terça-feira, 11 de junho de 2013

Os nosos lugares

A ponte da Senra e o peto de Ánimas, en Santiago de Ribarteme .








A miña escolla...

Unha reflexión sobre a lingua que nos recomenda Inácio Alonso.



'Yu Ming is ainm dom', a curta irlandesa, traduzida e legendada em galego-português polo Diário Liberdade.
Yu Ming aborrece a sua vida na China. Por isso, decide começar umha nova na Irlanda. Antes da sua viagem, forma-se com grande paixom na cultura e língua irlandesas. Mas ao chegar a Dublin levará umha surpresa.
"Yu Ming is ainm dom" (Yu Ming é o meu nome) é umha curta irlandesa que nos fala de ilusons frustradas e de esperança, mas que, sobretodo, lembra o ridículo de perder a identidade e substitui-la por umha que é estranha e imposta.

domingo, 2 de junho de 2013

A miña escolla...

Convite de Estefanía Fernández para unha "Tarde de fiadeiro en Vide".



O vindeiro domingo 9 de Xuño, a partires das cinco da tarde, celebraremos en Vide unha "Tarde de fiadeiro". Un ano máis xuntarémonos veciños e amigos a desfrutar da música, do baile e da festa.

Os "fiadeiros" teñen a súa orixe nas xuntanzas de vellos, mozos e mozas do lugar para fiar o liño nas noites de inverno. Nestas xuntanzas cantábase e rematábase bailando. Co tempo, o traballo de fiar foise perdendo, pero o costume de xuntarse para cantar, bailar e facer festa, non. Así, nas aldeas mantivéronse os fiadeiros, seráns, foliadas e ruadas.

En Vide quixemos recuperar esta tradición tan nosa e o grupo de pandereteiras, coa axuda dos  veciños da parroquia, organizamos a primeira tarde de Fiadeiro, que repetimos ano tras ano. O máis bonito desta festa é que todos colaboran: os veciños poñen comida e bebida que logo se reparte entre os músicos e a xente que ven ó fiadeiro, as pandereteiras e gaiteir@s encargámonos da organización, poñemos a música e o baile, os nen@s da Unitaria fan uns cartaces preciosos que se colocan polas parroquias das Neves. E sobre todo é unha festa á que acuden a grande maioría dos veciños da parroquia.

Así que, xa sabedes, o domingo día 9, á tarde, estades todos invitados a Vide, a bailar, cantar e desfrutar da festa. E lembrade:

Por aquí vai o camiño,
por aquí vai o carreiro
por aquí vai o camino,
meniña pra o fiadeiro

 
 

quarta-feira, 29 de maio de 2013

A miña escolla...


Acabamos de coñecer o fallo do VII Certame de Poesía Xosé A. Barral, no que participaron os nosos alumnos Daniel Duque e Damián Lamas. Non foron os gañadores (por esta vez...) pero o seu poema está entre os destacados polo xurado.
Parabéns unha vez máis!!!



ROSALÍA NO SÉCULO XXI

Adiós twitter, adiós whatsapp,

adiós tuenti da miña vida,

R quitoume os megas,

por descargar moita porquería.

 

Miña tablet, miña tablet,

coa que paso toda a tarde,

sempre quedo sen batería,

non me vai durar todo o día!

 

Adiós twitter, adiós whatsapp.

non sei cando nos veremos,

suspendemos todos mates,

agora que faremos?

 

Que alegría meus amores,

teño twitter en galego,

paxariños piadores,

rechíos de moitas cores.

 

Xa non podo compartir,

por culpa dos meus pais,

 que me quitan o móbil,

para que estude máis.

 

Adiós whatsapp, adiós whatsapp

  botarei de menos o twitter,

Meu Deus! A diversión  acaba!,

E xa non podo seguir ó Papa…

 

 

 

Exposición "Muller e poesía..Palabra de muller"

Pásate pola biblio!!!

En colaboración coa biblioteca e dentro das actividades Escolas Unesco fixemos una selección de poesía galega escrita por mulleres. É evidente que non están todas...pero temos un andel cheo de obras de poesía galega que podes consultar. Anímaste a descubrila?

Esta pequena exposición conta coas ilustracións das nosas alumnas colaboradoras de 3º ESO-A Sheila Gil, Sheila González e Andrea González.





terça-feira, 28 de maio de 2013

Obradoiro de poesía con Yolanda Castaño

Durante este curso tivemos varias actividades adicadas á poesía nas que colabora o EDL pero nesta semana  tivemos una visita especial ao noso instituto, Yolanda Castaño. Deste obradoiro de poesía poderíamos dicir moitas cousas pero quedámonos cunha frase "A poesía non é de quen a escribe senón de quen a necesita".


 
 
 
Tamén temos un video  ben emotivo cun dos poemas que nos recitou...
    
 

sexta-feira, 17 de maio de 2013

Algo máis que música...

TEÑO O CORAZÓN SENLLEIRO
 
Teño o corazón senlleiro
e orfo na noite fría.
 
Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.
 
Teño lobos, teño sombras,
teño a sorte fuxidía.
 
Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.
 
Está mudo o reixiñol
que outrora cantar solía.
 
Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.
 
Que está comigo a esperanza,
fiando, fía que fía…
 
Ela fía i eu confío
no albor do novo día.


Celso Emilio Ferreiro

 


quarta-feira, 15 de maio de 2013

Correlingua 2013

Hoxe fomos ao Correlingua a Vigo coas nosas vistosas pancartas co lema "Eu quero galego...a chave está no corazón". Aporveitamos tamén para visitar o Pazo de Quiñones e o Museo arqueolóxico.
Se queredes ver o ben que o pasamos, temos un video!!!



E agora o video oficial do Correlingua...



E a galería de fotos...
http://www.galizacig.com/avantar/node/494/8083

sábado, 11 de maio de 2013

Letras galegas 2013

 
Durante esta semana teremos varias actividades  pero debemos comezar por lembra ao autor homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño. A súa producción caracterízase por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, moi importante para a instalación do teatro galego.
 
Para profundizar na súa vida e obra podemos visitar as páxinas
http://robertovidalbolano.org/
http://www.coordinadoraendl.org/letras2013/index.htm

E tamén a canle temática da CRTVG onde se pode consultar diferente material audiovisual
http://www.crtvg.es/crtvg/canles-tematicas/letras-galegas-2013


Como complemento, queremos recuperar unha película na que RVB tamén foi actor de cine e que resulta imprescindible para o cinema galego. Trátase de "Sempre Xonxa" de Chano Piñeiro (1989).

sexta-feira, 10 de maio de 2013

Excursión ao Courel 12-13

Hai algunhas semanas @s alumn@s de 2º de ESO foron de excursión ao Courel (e arredores). Parece ser que ían en busca do ouro pero trouxeron algo mellor...
Se o queredes descubrir, non deixedes de ver o video que fixo Silvia.

O Courel 2013 on PhotoPeach

quinta-feira, 9 de maio de 2013

Algo máis que música...

Hoxe, dende esta páxina, tamén queremos defender unha escola pública e de calidade.Queremos trasmitir valores como a democracia, a tolerancia e a defensa da nosa lingua. E queremos celebralo con música...



Se queredes saber máis desta estupenda muller, visitade a súa páxina oficial no seguinte enlace                     http://www.mariaxosesilvar.com/

terça-feira, 7 de maio de 2013

A miña escolla...

Esta é a escolla de Andrés Lorenzo de 2º de Bacharelato.
 
Nestes días nos que se fala moito de Arbo, recuperamos un documental sobre un personaxe ben coñecido por estas terras, Eduardo Lorenzo "O último gaiteiro na Habana".
Eduardo Lorenzo viviu a súa nenez e xuventude en Cabeiras, Arbo. Coa idade de 30 anos voltou á Habana, onde nacera. Alí converteuse nun gran e recoñecido mestre da gaita galega. En 2003 volveu ao seu querido Arbo de viaxe, aquí visitou a casa onde vivira 30 anos, foi encomendarse a San Fins e recibiu unha homenaxe con gaiteiros no Mesón da Lamprea en Cabeiras, onde tocou e tamén bailou. Un par de meses despois faleceu na Habana.
 
 Se queredes saber máis, non deixedes de ver o seguinte video:
 
  Grazas Andrés!

sábado, 4 de maio de 2013

Festa da lamprea en Arbo

Nesta primeira fin de semana de maio celébrase en Arbo a "festa da lamprea", onde se pode degustar preparada de diferentes maneiras: en empanada, seca ou rechea ou na súa propia salsa...e por suposto acompañada dos excelentes viños da comarca.
Culmina así a tempada de pesca, coa degustación deste mítico animal.
 
Os alumnos de Arbo ofrécennos este relaxante paseo polos lugares onde se pescan as mellores lampreas do mundo.
 
    Visitamos Sela

Día Internacional dos traballadores

Durante esta semana @s alumn@s de 4º ESO-B de Atención Educativa, co seu profesor Brais, estiveron investigando a celebración deste día e achégannos a seguinte información:
O día 1 de maio celébrase o día internacional dos traballadores. Nesta data, símbolo para o movemento obreiro internacional, lémbrase a necesidade de procurar unhas condicións dignas e xustas para todos os traballadores, independentemente da súa actividade laboral. Dende o seu establecemento en tódolos países por acordo do Congreso Obreiro Socialista celebrado en París en 1889 é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe aos Mártires de Chicago que foron executados pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que culminaron na folga do 1º de maio de 1886 nos Estados Unidos.
Aquí reprodúcese un fragmento das octavillas impresas por Adolf Fischer, periodista alemán, tras os acontecementos na praza Haymarket de Chicago, onde varios obreiros foron asasinados na xornada de folga, e que lle custaron a súa vida -foi aforcado tras un xuízo sumario-.
“Traballadores: a guerra de clases comezou. Onte, fronte á fábrica McCormik, fusilouse aos obreiros. ¡O seu sangue pide vinganza! Quen poderá dubidar xa que os chacales que nos gobernan están ávidos de sangue traballador? Pero os traballadores non son un rabaño de años. ¡Ao terror branco respondamos co terror vermello! É preferible a morte que a miseria. Si fusílasen aos traballadores, respondamos de tal xeito que os amos recórdenos por moito tempo. É a necesidade o que nos fai gritar: ¡Ás armas!. Onte, as mulleres e os fillos dos pobres choraban aos seus maridos e aos seus pais fusilados, en tanto que nos palacios dos ricos enchíanse vasos de viño custosos e bebíase á saúde dos bandidos da orde... ¡Secade as bágoas! Tende coraxe, escravos! Levantádevos!”
Para completar a información sobre a matanza de Chicago recomendamos o seguinte vídeo:
 

terça-feira, 30 de abril de 2013

A festa dos maios en Galicia

ORIXES DA FESTA DOS MAIOS


A Festa dos Maios, naceu na prehistoria cando os primeiros homes se preguntaban sobre esa forza renovadora que cada ano , tras a época das chuvias e o frío facía abrota-la semente e revestía os campos de variadas cores. Nunha sociedade neolítica a dependencia do ciclo regular das estacións, da forza da natureza provocan o nacemento do culto a "deidades" do mundo vexetal coma ás árbores. Debíalles sorprender a aqueles homes a coincidencia da estación primaveral coa fecundidade animal que non tardaron en relacionar, tamén, coa fertilidade da especie humana; de aí nacerá o culto á fecundidade e ós amuletos máxicos.
 
Se che interesa saber máis sobre o tema, visita o seguinte enlace:


Lembras esta música? Sabes quen canta? E quen escribiu o texto?



quarta-feira, 24 de abril de 2013

25 de abril

O 25 de abril é un día  moi importante para historia de  Portugal e tamén  para nós. Esta é unha canción que simboliza a fraternidade e a democracia e por esta razón nestes últimos tempos sae ás rúas para ser cantada por novos e vellos en defensa das liberdades do pobo.
 
 
Grândola, Vila Morena é o nome da canción composta e cantada por Zeca Afonso que foi escollida polo Movemento das Forzas Armadas (MFA) para ser o segundo aceno para o comezo da Revolución dos caraveis. Zeca Afonso compuxo esta canción en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense. A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo, e sería censurada polo réxime Salazarista por ser unha canción asociada ao comunismo. Ás 00:20 do día 25 de abril de 1974, a canción era transmitida nunha radio nacional, cantada por militares, como sinal para confirmar as operacións da revolución. Por ese motivo, a ela quedou asociada, así como ó comezo da Democracia en Portugal.
Se queres saber máis:
 
 
 

Correlingua 2013 "Galego, a chave do mundo"


domingo, 21 de abril de 2013

Exposición de caligramas e poesía visual

Durante o mes de abril @s nos@s alumn@ estiveron traballando con caligramas e poesía visual. Hai traballos presentados nas diferentes linguas que se imparten no centro (castelán, galego, portugués, francés e inglés) e tamén en italiano. Isto demostra que "As linguas suman".
 Houbo unha gran colaboración e os seus traballos estarán expostos na biblioteca do centro durante a "Semana do libro". Neste video recollemos unha breve mostra.
Grazas a tod@s !!!
 
Exposición de caligramas IES Pazo da Mercé 2013 on PhotoPeach

quinta-feira, 18 de abril de 2013

Día do libro 2013

Comezamos as actividades do "Día do libro 2013"con este video creado polos alumnos de
3º ESO-B Dani Duque e Damián Lamas.
Dende o Equipo de Dinamización queremos deixar unha mensaxe clara "UN LIBRO...UN AMIGO" e se é en galego moito mellor!!!
Tamén vai unha lembranza para Rosalía de Castro  nos 150 anos da publicacón de "Cantares gallegos".
Parabéns aos nosos colaboradores e esperamos que vos guste...MOITO..MOITO...MOITO!!!
 

quinta-feira, 11 de abril de 2013

A miña escolla...

A escolla de Xavi Simón  é o poema en galego de F. García Lorca Danza a lúa en Santiago”.
 En 1935 García Lorca deu a coñecer ”Seis poemas galegos”. Neles recolle o esencial da alma e da identidade  galega, que  quizais descubriu cando estivo e n Galicia coa súa compañía teatral “La Barraca” e tamén en Arxentina cos emigrantes galegos e cos seu amigos Blanco Amor ou Guerra Dacal. Foi  a máis grande homenaxe que lle puido facer á nosa lingua e á nosa terra.
Se queres saber máis visita os seguintes enlaces:
Poemas musicados:



Fita aquel branco galán,
olla seu transido corpo!

É a lúa que baila
na Quintana dos mortos.

Fita seu corpo transido,
negro de somas e lobos.

Nai: A lúa está bailando
na Quintana dos mortos.

¿Quén fire potro de pedra
na mesma porta do sono?

¡É a lúa! ¡É a lúa
na Quintana dos mortos!

¿Quén fita meus grises vidros
cheos de nubens seus ollos?

É a lúa, é a lúa
na Quintana dos mortos.

Déixame morrer no leito
soñando con froles d'ouro.

Nai: A lúa está bailando
na Quintana dos mortos.

¡Ai filla, co ár do céo
vólvome branca de pronto!

Non é o ar, é a triste lúa
na Quintana dos mortos.

¿Quén brúa co-este xemido
d'imenso boi melancónico?

Nai: É a lúa, é a lúa
na Quintana dos mortos.

íSi, a lúa, a lúa
coronada de toxos,
que baila, e baila, e baila
na Quintana dos mortos!


quarta-feira, 3 de abril de 2013


 Parabéns ao Principiño!!!

O Principiño (en francés Le Petit Prince), publicado en 1943, é a novela máis famosa do aviador francés Antoine de Saint-Exupéry, que escribiu mentres se hospedaba nun hotel de Nova York.
O Principiño foi traducido a 180 linguas e dialectos. E tamén acaba de saír en braille.
 
Para saber máis:

Se queres, podes lelo en galego, grazas á traducción do escritor Carlos Casares.

 Carlos Casares
 

terça-feira, 2 de abril de 2013

Festa do requeixo e o mel. As Neves 2013.

Coa colaboración do noso fotógrafo Damián Lamas.


Festa do requeixo e o mel on PhotoPeach

segunda-feira, 25 de março de 2013

O  21 de marzo, Día internacional da Poesía, acompañamos a Porto ao alumnado que participou nas actividades previas ao 60 aniversario das Escolas Unesco. Dende o EDL traballamos conxuntamente  o poema "Irmaus" de Celso Emilio Ferreiro.
As nosas pandereteiras tamén interpretaron varias regueifas e cantigas populares.
Foi un día especial.


quarta-feira, 20 de março de 2013

Hoxe chegou oficialmente a Primavera. Mentras na serra do Xurés permanecen as últimas neves, no patio do noso centro florece o fatoeiro...
 
 
 
Temos tamén unha bonita canción...
 

segunda-feira, 18 de março de 2013

O 21 de marzo celébrase o "Día mundial da Poesía" polo que nesta semana aporveitamos para dar unha voltiña por "Son de poetas"para ler e escoitar poemas musicados da poesía galega:
http://sondepoetas.blogspot.com.es/



"Eu en ti". Celso Emilio Ferreiro

http://sondepoetas.blogspot.com.es/2009/02/eu-en-ti-celso-emilio-ferreiro.html

domingo, 10 de março de 2013

Semana da prensa na escola

 
Comezamos a "Semana da prensa na escola" con este video que recolle imaxes da colección de xornais do mundo da nosa biblioteca. Tamén facemos referencia aos xornais en galego, aos que desapareceron recentemente e ás novas inciativas dixitais.

sexta-feira, 1 de março de 2013