quarta-feira, 29 de maio de 2013

A miña escolla...


Acabamos de coñecer o fallo do VII Certame de Poesía Xosé A. Barral, no que participaron os nosos alumnos Daniel Duque e Damián Lamas. Non foron os gañadores (por esta vez...) pero o seu poema está entre os destacados polo xurado.
Parabéns unha vez máis!!!



ROSALÍA NO SÉCULO XXI

Adiós twitter, adiós whatsapp,

adiós tuenti da miña vida,

R quitoume os megas,

por descargar moita porquería.

 

Miña tablet, miña tablet,

coa que paso toda a tarde,

sempre quedo sen batería,

non me vai durar todo o día!

 

Adiós twitter, adiós whatsapp.

non sei cando nos veremos,

suspendemos todos mates,

agora que faremos?

 

Que alegría meus amores,

teño twitter en galego,

paxariños piadores,

rechíos de moitas cores.

 

Xa non podo compartir,

por culpa dos meus pais,

 que me quitan o móbil,

para que estude máis.

 

Adiós whatsapp, adiós whatsapp

  botarei de menos o twitter,

Meu Deus! A diversión  acaba!,

E xa non podo seguir ó Papa…

 

 

 

Exposición "Muller e poesía..Palabra de muller"

Pásate pola biblio!!!

En colaboración coa biblioteca e dentro das actividades Escolas Unesco fixemos una selección de poesía galega escrita por mulleres. É evidente que non están todas...pero temos un andel cheo de obras de poesía galega que podes consultar. Anímaste a descubrila?

Esta pequena exposición conta coas ilustracións das nosas alumnas colaboradoras de 3º ESO-A Sheila Gil, Sheila González e Andrea González.





terça-feira, 28 de maio de 2013

Obradoiro de poesía con Yolanda Castaño

Durante este curso tivemos varias actividades adicadas á poesía nas que colabora o EDL pero nesta semana  tivemos una visita especial ao noso instituto, Yolanda Castaño. Deste obradoiro de poesía poderíamos dicir moitas cousas pero quedámonos cunha frase "A poesía non é de quen a escribe senón de quen a necesita".


 
 
 
Tamén temos un video  ben emotivo cun dos poemas que nos recitou...
    
 

sexta-feira, 17 de maio de 2013

Algo máis que música...

TEÑO O CORAZÓN SENLLEIRO
 
Teño o corazón senlleiro
e orfo na noite fría.
 
Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.
 
Teño lobos, teño sombras,
teño a sorte fuxidía.
 
Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.
 
Está mudo o reixiñol
que outrora cantar solía.
 
Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.
 
Que está comigo a esperanza,
fiando, fía que fía…
 
Ela fía i eu confío
no albor do novo día.


Celso Emilio Ferreiro

 


quarta-feira, 15 de maio de 2013

Correlingua 2013

Hoxe fomos ao Correlingua a Vigo coas nosas vistosas pancartas co lema "Eu quero galego...a chave está no corazón". Aporveitamos tamén para visitar o Pazo de Quiñones e o Museo arqueolóxico.
Se queredes ver o ben que o pasamos, temos un video!!!



E agora o video oficial do Correlingua...



E a galería de fotos...
http://www.galizacig.com/avantar/node/494/8083

sábado, 11 de maio de 2013

Letras galegas 2013

 
Durante esta semana teremos varias actividades  pero debemos comezar por lembra ao autor homenaxeado, Roberto Vidal Bolaño. A súa producción caracterízase por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, moi importante para a instalación do teatro galego.
 
Para profundizar na súa vida e obra podemos visitar as páxinas
http://robertovidalbolano.org/
http://www.coordinadoraendl.org/letras2013/index.htm

E tamén a canle temática da CRTVG onde se pode consultar diferente material audiovisual
http://www.crtvg.es/crtvg/canles-tematicas/letras-galegas-2013


Como complemento, queremos recuperar unha película na que RVB tamén foi actor de cine e que resulta imprescindible para o cinema galego. Trátase de "Sempre Xonxa" de Chano Piñeiro (1989).

sexta-feira, 10 de maio de 2013

Excursión ao Courel 12-13

Hai algunhas semanas @s alumn@s de 2º de ESO foron de excursión ao Courel (e arredores). Parece ser que ían en busca do ouro pero trouxeron algo mellor...
Se o queredes descubrir, non deixedes de ver o video que fixo Silvia.

O Courel 2013 on PhotoPeach

quinta-feira, 9 de maio de 2013

Algo máis que música...

Hoxe, dende esta páxina, tamén queremos defender unha escola pública e de calidade.Queremos trasmitir valores como a democracia, a tolerancia e a defensa da nosa lingua. E queremos celebralo con música...



Se queredes saber máis desta estupenda muller, visitade a súa páxina oficial no seguinte enlace                     http://www.mariaxosesilvar.com/

terça-feira, 7 de maio de 2013

A miña escolla...

Esta é a escolla de Andrés Lorenzo de 2º de Bacharelato.
 
Nestes días nos que se fala moito de Arbo, recuperamos un documental sobre un personaxe ben coñecido por estas terras, Eduardo Lorenzo "O último gaiteiro na Habana".
Eduardo Lorenzo viviu a súa nenez e xuventude en Cabeiras, Arbo. Coa idade de 30 anos voltou á Habana, onde nacera. Alí converteuse nun gran e recoñecido mestre da gaita galega. En 2003 volveu ao seu querido Arbo de viaxe, aquí visitou a casa onde vivira 30 anos, foi encomendarse a San Fins e recibiu unha homenaxe con gaiteiros no Mesón da Lamprea en Cabeiras, onde tocou e tamén bailou. Un par de meses despois faleceu na Habana.
 
 Se queredes saber máis, non deixedes de ver o seguinte video:
 
  Grazas Andrés!

sábado, 4 de maio de 2013

Festa da lamprea en Arbo

Nesta primeira fin de semana de maio celébrase en Arbo a "festa da lamprea", onde se pode degustar preparada de diferentes maneiras: en empanada, seca ou rechea ou na súa propia salsa...e por suposto acompañada dos excelentes viños da comarca.
Culmina así a tempada de pesca, coa degustación deste mítico animal.
 
Os alumnos de Arbo ofrécennos este relaxante paseo polos lugares onde se pescan as mellores lampreas do mundo.
 
    Visitamos Sela

Día Internacional dos traballadores

Durante esta semana @s alumn@s de 4º ESO-B de Atención Educativa, co seu profesor Brais, estiveron investigando a celebración deste día e achégannos a seguinte información:
O día 1 de maio celébrase o día internacional dos traballadores. Nesta data, símbolo para o movemento obreiro internacional, lémbrase a necesidade de procurar unhas condicións dignas e xustas para todos os traballadores, independentemente da súa actividade laboral. Dende o seu establecemento en tódolos países por acordo do Congreso Obreiro Socialista celebrado en París en 1889 é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe aos Mártires de Chicago que foron executados pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que culminaron na folga do 1º de maio de 1886 nos Estados Unidos.
Aquí reprodúcese un fragmento das octavillas impresas por Adolf Fischer, periodista alemán, tras os acontecementos na praza Haymarket de Chicago, onde varios obreiros foron asasinados na xornada de folga, e que lle custaron a súa vida -foi aforcado tras un xuízo sumario-.
“Traballadores: a guerra de clases comezou. Onte, fronte á fábrica McCormik, fusilouse aos obreiros. ¡O seu sangue pide vinganza! Quen poderá dubidar xa que os chacales que nos gobernan están ávidos de sangue traballador? Pero os traballadores non son un rabaño de años. ¡Ao terror branco respondamos co terror vermello! É preferible a morte que a miseria. Si fusílasen aos traballadores, respondamos de tal xeito que os amos recórdenos por moito tempo. É a necesidade o que nos fai gritar: ¡Ás armas!. Onte, as mulleres e os fillos dos pobres choraban aos seus maridos e aos seus pais fusilados, en tanto que nos palacios dos ricos enchíanse vasos de viño custosos e bebíase á saúde dos bandidos da orde... ¡Secade as bágoas! Tende coraxe, escravos! Levantádevos!”
Para completar a información sobre a matanza de Chicago recomendamos o seguinte vídeo: